Sunday 28 de April de 2024

Os habitantes da provincia da Coruña superan por primeira vez os 18 millóns de quilos anuais de envases de vidro reciclados


Os preto de 6.000 contedores instalados na provincia recolleron unha media de 19,5 quilos por habitante, fronte aos 17,2 rexistrados de media en 2015

Os coruñeses reciclaron o pasado ano máis de 18.633 quilos de vidro, superando por primeira vez as 18 toneladas. No ano 2015 recolléranse 17.960 quilos, o que supón un incremento do 2,56%. Na provincia, a taxa de recollida de vidro é de 19,5 quilos por habitante, sendo os concellos cunha mellor taxa Mañón (41,6 quilos por habitante), Corcubión (39,9), Valdoviño (33,8), Fisterra (33,5) e Miño (32,6).

Na provincia hai 5.999 colectores verdes de envases de vidro, 88 máis que en 2015, segundo os patos feitos públicos pola directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, e o xerente de zona Galicia-Asturias de Ecovidrio, Germán Fernández, durante unha rolda de prensa na que ofreceron cifras de reciclaxe deste material en toda Galicia.

Ecovidrio é unha entidade sen ánimo de lucro constituída no ano 1997 que ten como finalidade xestionar o reciclado de todos os residuos de envases de vidro en España. Así, os envases baleiros de vidro xerados en na comunidade autónoma e depositados polos galegos nos colectores verdes distribuídos por todo o territorio son recollidos selectivamente e xestionados por Ecovidrio para a súa posterior reciclaxe. Na actualidade todos os concellos de Galicia están adheridos ao convenio marco asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Ecovidrio no ano 2013, por medio do cal se organizan e regulan as compensacións que, no seu caso, poden percibir as entidades locais pola súa participación na recollida selectiva destes residuos.

Pese ao positivo dos datos, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, traballa xa no incremento destas cifras no presente exercicio 2017 co obxectivo deste departamento autonómico seguir medrando, avanzando cara unha sociedade na que prime a economía circular. Neste senso, toda vez que a sensibilización cidadá e a proximidade aos axentes implicados na xeración deste tipo de residuos son pezas clave para o éxito dos obxectivos perseguidos, constitúen actuacións prioritarias nesta materia o fomento e mellora das recollidas selectivas, a implantación de novas recollidas específicas e a concienciación, información e educación ambiental por medio de campañas dirixidas a diferentes sectores da poboación e actividades económicas relevantes.